IQUAL CAMPUS activa a súa Rede Transfronteiriza con 27 entidades do tecido público e privado

Realizouse a primeira reunión da Rede Público-Privada IQUAL CAMPUS, un encontro virtual que reuniu 27 entidades do Norte de Portugal e de Galicia comprometidas coa igualdade de xénero laboral.

A sesión, inaugurada por Joana Carvalho, Vicerreitoría da Universidade do Porto, serviu para contextualizar a misión transfronteiriza do proxecto: capacitar e certificar docentes e técnicos/as de igualdade mediante un sistema formativo conxunto que responda ás asimetrías existentes en ambos territorios.

Durante o encontro, a Universidade de Santiago de Compostela presentou o Deseño Curricular e os Plans Formativos, que contemplan unha estrutura modular adaptada a tres públicos obxectivo: docentes, técnicos/as de igualdade e sociedade en xeral. A formación privilexiará metodoloxías prácticas e transfronteirizas.

A rede está integrada por unha diversidade de axentes sociais: confederacións empresariais, sindicatos, centros de formación profesional, universidades, comisións de igualdade e entidades consultoras de ambos lados da fronteira. Cada entidade compartiu a súa área de especialización e o seu potencial contributo para o proxecto.

Como próximos pasos, IQUAL CAMPUS desenvolverá reunións bilaterais coas entidades para definir roles e contributos específicos, formalizará a integración mediante cartas de compromiso, e avanzará cara á certificación de docentes e técnicos/as, así como cara á creación dunha comunidade docente transfronteiriza.

Esta primeira reunión marca o inicio dunha colaboración estratéxica entre o sector público, privado e académico para construír un sistema formativo sustentable en materia de igualdade de xénero laboral.